SALVEMOS

O MALECÓN

POR UN MONFORTE SAN E DE FUTURO

"Salvemos o Malecón" é un movemento cidadá que xorde pola preocupación da veciñanza por preservar un dos lugares máis emblemáticos e queridos da cidade, ese lugar no que o río se achega ao pobo.

Esta Plataforma declárase independente de todo partido político e respecta a acción política levada a cabo polo goberno municipal, pero amosamos a nosa total desaprobación ante a construción dunha xigantesca ponte destinada ao tráfico no Paseo do Malecón, por considerar que non é necesaria e que desvirtuaría o valor desta zona de xeito irreversíble.

Somos xente de Monforte que ama a Monforte e cremos que é preciso que camiñemos na valorización do Malecón, un espazo habitual de recreo de locais e foráneos, pola súa potencialidade cara un modelo máis humanizado e sustentable, e que de ningún xeito debería priorizar o achegamento de transportes contaminantes por diante da mobilidade saudable das persoas.

Cómpre lembrar que a previsible declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra, da que Monforte é capital, concédese, entre outros méritos, por ser o máximo expoñente da respetuosa relación entre o ser humano e a natureza, polo que Monforte e o seu Malecón deberían ser unha referencia acorde a este modelo.

Os nosos obxectivos son:

  • informar de forma rigorosa do proxecto de construción dunha ponte de ferro de enormes dimensións para o tráfico rodado no medio da contorna natural do Paseo do Malecón, en pleno centro de Monforte, de forma que a xente poda ter unha opinión veraz e certeira do proxecto que se pretende levar a cabo.

  • concienciar do erro irreparable que suporía levalo adiante, xa que faría inviable encamiñar a Monforte cara un modelo de cidade con futuro: saudable, sostible, accesible, peonil, aberta á xente e a espazos verdes no centro da vila, tal e como se vén facendo en cada vez máis cidades e vilas de todo o mundo.

  • estudar e propoñer opcións alternativas ante a necesaria peonalización da Ponte Vella, a fin de que sexan máis eficaces coa mobilidade e respectuosas co medioambiente e a saúde.