A NOSA PROPOSTA
A alternativa ao peche de tráfico pola Ponte Vella pasa por facer un uso máis responsable dos medios de transporte en Monforte, sen necesidade de construír novas e costosas infraestruturas de acceso ao tráfico, e moito menos na fermosa zona do Malecón.
Consideramos que o tráfico debe ser redistribuído de xeito intelixente e, a súa vez, acondicionar novas zonas de aparcamento nas áreas próximas ás rúas do centro da vila. Deste xeito, para acceder ás rúas céntricas, a mellor solución sería aparcar o coche con máis facilidade e atravesar as pontes peonís existentes, mellorando en todo caso a accesibilidade da actual pasarela de madeira.
Por outra banda, para seguir chegando en coche ás rúas próximas á ubicación da ponte proxectada, bastaría con reconducir o tráfico por percorridos alternativos como a circunvalación. Adicionalmente, pensamos que existe marxe de mellora na reorganización dos sentidos de diferentes rúas (como poden ser Santa Clara ou Hortas), de modo que se poderían optimizar recorridos, tanto en tempo como en distancia e fluxo de vehículos.
Neste modelo de vila que propoñemos poden encaixar outras medidas encamiñadas a un uso máis eficiente e saudable do transporte, como por exemplo a recente incorporación da liña de bus urbán, gratuito e adaptado a persoas con movilidade reducida.