¿A FAVOR DA PONTE?

Os argumentos esgrimidos en favor da construcción da nova ponte do Paseo do Malecón NON SON CONVINCENTES en ningún caso.

A continuación, expoñemos cada un dos principais alegatos realizados a favor da ponte que se foron trasladando á cidadanía ata o día de hoxe, así como a correspondente resposta que, ao noso criterio, se axusta máis á realidade.

Tras facer unha análise pormenorizada de cada unha destas supostas necesidades, semella que ningunha ten o suficiente fundamento como para ter que considerar este proxecto de obrigatorio cumprimento ou, dito doutro modo: A NOVA PONTE DE FERRO NON É NECESARIA.

"A nova ponte vai sacar tráfico do centro de Monforte"

A REALIDADE:

Consideramos que esta afirmación constitúe unha falacia en toda regra. (VER ENLACE)

O Paseo do Malecón, moi especialmente nas inmediacións da rúa Hortas, xa debe ser considerado parte do centro urbán e, polo tanto, engadir dous carrís de tráfico que conflúen nesa ubicación supón en si mesmo engadir máis tráfico, xa sexa desde ou cara ao centro da vila (tanto ten).

Ademais, a apertura deste novo fluxo de tráfico de dobre carril incentiva aínda máis o emprego dos vehículos motorizados nunha zona que merece especial coidado por estar incluida no Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte.

O argumento esgrimido de que "a ponte saca tráfico do centro ao evitar que moitos vehículos teñan que dirixirse á rúa Hortas" semella carecer de toda lóxica, con independencia de como se defina finalmente o sentido de ambos carrís da ponte, o cal non queda claro no anteproxecto, nin se chegou a confirmar aínda convenientemente. Hai que ter en conta que a desviación do tráfico cara ao hospital do tráfico que vén do Malecón xa se pode facer antes e de forma máis directa pola circunvalación que enlaza co Morín, sendo absurdo pasar polo Malecón para coller este desvío.

"Ao pechar o tráfico na Ponte Vella hai que construír unha nova ponte para poder seguir circulando con normalidade"

A REALIDADE:

Esta suposta necesidade non responde a ningún criterio obxectivo, posto que non se fixo ningún estudio de viabilidade que medise nin demostrase estes supostos problemas.

Ao contrario, as únicas evidencias que se observan ante o peche ao tráfico da Ponte Vella amosan totalmente o oposto, xa que cando esta ponte se pecha por labouras de mantemento da ponte, ou ben por determinados eventos, non se teñen manifestado embotellamentos nin dificultades que esixan a apertura de novos fluxos de tráfico alternativos na zona centro.

Ademais, consideramos que estas supostas necesidades veñen condicionadas en boa parte por un emprego inadecuado dos vehículos que transitan a cotío polas rúas máis céntricas da cidade, de xeito que a mellor maneira de mellorar o tránsito no medio da vila é facer un uso máis axeitado dos vehículos motorizados, de acordo con modelos de cidades máis sostibles e respectuosas co medio ambiente, procurando prazas de aparcamento accesibles para poder deixar o vehículo con facilidade, e percorrer o núcleo urbán camiñando máis comodamente e de xeito máis tranquilo e saudable.

“A construción da nova ponte proxectada para o Malecón recupera a imaxe do antigo ponte de ferro que se derrubou nos anos 50”

A REALIDADE:

Esto non é tal porque nin se volvería a reconstruír a mesma ponte nin estaría ubicada no mesmo sitio.

Convén lembrar que a antigua ponte de ferro estaba ubicada no mesmo emplazamento que ocupa a actual "Ponte Nova" (e non no Malecón, onde a ponte proxectada se quere construír). A antigua ponte de ferro, que se veu abaixo nos anos 50 por falta de mantenemento, era daquela a única existente de dobre sentido para o tráfico no centro da vila mentres que, na nova situación proxectada, teriamos tres pontes con dobre sentido de tráfico separadas tan só uns 400 metros de distancia en liña recta entre elas, tendo en conta a incorporación da ponte da circunvalación feita nos anos 90.

En consecuencia, o feito de construír a nova ponte proxectada no mesmo lugar de actual Ponte Nova non presentaría os inconvenientes que denunciamos desde esta plataforma, pero os problemas xorden ao proxectala no medio do Paseo do Malecón, tal e como está concebida na actualidade.

A antiga ponte de ferro orixinal tiña un enclave máis adecuado

A distancia que tiña respecto á ponte vella era moito maior á ponte proxectada na actualidade

"A nova ponte é boa para o futuro de Monforte"

A REALIDADE:

Esta afirmación non ten en conta en absoluto o modelo de cidade ao que debe encamiñarse Monforte no futuro.

Na actualidade, o modelo de calquera cidade ou vila debe pasar por preservar o benestar e a saúde dos seus cidadáns, facendo políticas orientadas a protexer os centros das vilas do tráfico e a contaminación, políticas que tamén están a ser fortemente impulsadas polo Goberno de España a través do novo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A ponte proxectada no Paseo do Malecón vai totalmente en contra destas políticas, as cales se están impulsando con éxito e cada vez máis por todo o mundo, e ademais fará imposible e de xeito irreversible plantealas en Monforte no futuro, pola forte inversión e o impacto que terá a nova ponte na distribución do tráfico cara o centro da vila.

Por tanto, a construción desta ponte no céntrico Paseo do Malecón é unha decisión trascendental de cara a decidir o modelo de cidade ao que queremos tender: unha cidade onde se priorice a acumulación do tráfico no seu núcleo urbán, ou ben unha cidade máis sostible onde a prioridade sexa a saúde e o benestar das persoas.

"A construción da ponte do Malecón foi no programa electoral e hai a obriga de cumprir esta promesa"

A REALIDADE:

No programa electoral das pasadas eleccións municipais, amosábase este punto redactado do seguinte xeito:

“Iniciar os trámites para a construción dunha ponte nova no paseo do Malecón, ubicada no lugar da pasarela de madeira para converter en peonil a Ponte Vella”

Esta sucinta frase non especificaba nin o alcance nin as dimensións da ponte que se pretende construír, polo que a maioría dos cidadáns que votaron esta opción política nas pasadas eleccións municipais descoñecían as verdadeiras repercusións que tería este proxecto, ante o cal moitos deles amosan agora o seu rexeitamento.

Por outra banda, de todos é sabido que os programas electorais non son sempre de cumprimento estricto en todos os casos, puidendo suprimirse ou adaptarse determinadas medidas se as circunstancias así o requiren.

"O diñeiro non vai ser problema"

A REALIDADE:

Este argumento parécenos moi pouco adecuado no contexto actual que estamos a vivir, no medio dunha crise sanitaria mundial provocada pola covid-19 e unha máis que previsíbel crise económica de enormes dimensións e consecuencias incertas.

O feito de que este proxecto se axuste a presupostos que non dependan do Concello na fase inicial, non debe ser considerado como un factor atenuante, posto que ao final estamos a falar de diñeiro público que vén dos impostos de todos, e a súa finalidade debe ser especialmente tida en conta nestes momentos.

Invertir máis de 1,5 millóns de euros nun proxecto prescindíbel e que ademais non satisface a moita xente resulta difícil de encaixar. Ademais, esta estrutura complexa debe ter no futuro un mantenemento que alguén debe asumir, e que non se especifica por ningures.

No seguinte enlace se reflicte esta cuestión, falándose xa de expropiacións de vivendas no barrio de Ramberde, a fin de proceder canto antes á súa demolición, co gasto que esto suporá para o Concello e o comezo da desfeita dun barrio histórico tranquilo e veciñal como Ramberde. (VER ENLACE)

“A nova ponte de ferro será un monumento de interese turístico”

A REALIDADE:

O interese turístico do Malecón na súa configuración actual xa é incuestionable na actualidade. Os turistas captan a vista do río coa Ponte Vella ao fondo nunha estampa preciosa que non precisa de ningunha estrutura desta envergadura, e menos con tráfico rodado por riba. Polo contrario, o feito de romper coa harmonía natural e tranquila de dita estampa, pode perxudicar a atracción turística deste punto emblemático da nosa cidade.

O interese turístico tamén se apoia en gran medida no desfrute de zonas peonís, verdes e tranquilas que preferiblemente se poidan percorrer sen ruído nin contaminación. Neste sentido, o feito de poder contar no futuro con Malecón peonil proporcionaría un entorno ideal para o desfrute do turista e dos monfortinos.


“A construción da nova ponte de ferro do Malecón mellora a accesibilidade entre o Hospital e o Centro de Saúde”

A REALIDADE:

A conexión entre ambos edificios non representa ningunha dificultade na actualidade, posto que o tempo investido en recorrer ambas localizacións na situación actual, e sen empregar a Ponte Vella é de tan só cinco minutos en coche:

Non parece xustificable a necesidade da acurtar máis este traxecto, máis aínda cando non se evidencian transportes frecuentes nin urxentes entre ambas localizacións.

Ademáis, non ten sentido mellorar a accesibilidade entre o Hospital e o Centro de Saúde cando a propia ubicación do Centro de Saúde impide a absorción de máis tráfico e a imposibilidade de aparcamento.

“Non haberá impacto ambiental nin visual”

A REALIDADE:

A construción dunha ponte de ferro de doble carril cambiará totalmente a percepción sensorial que temos do Malecón, mudando dun espazo verde, agradable, amigable e que invita a pasear, a unha zona ruidosa, caótica e urbán. Ademáis, a marxe dereita do río quedaría totalmente interrumpido para o paseo peonil pola beira, creando un efecto disuasorio do desfrute do espazo público por parte dos cidadáns.

Aínda que a nova ponte de ferro sexa de deseño máis baixo ca actual pasarela, a percepción visual que teñamos será o dunha grande construción de cemento e ferro enriba do río, rompendo totalmente coa liña visual do cauce e transformando un elemento natural como é a madeira nun elemento de ferro non integrado no entorno.

A propia execución do proxecto eliminará gran parte dos árbores autóctonos que existen na actualidade, deixando sen sombra e frondosidade as márxes cerca da ponte.

Plano do proxecto sobre a cartografía municipal. En vermello, toda a area de ocupación do proxecto
Parcelario sobre fotografía aérea do estado actual.

O feito de engadir un carril máis con respecto ao modelo actual que ten a Ponte Vella, incorporaría máis tráfico na zona e fomentaría aínda máis un emprego ineficaz dos coches, o que se traduciría nunha maior emisión de gases de efecto invernadoiro, modelo que vai a contracorrente das políticas de transición ecolóxica e mediambientais das cidades propias do século XXI: transporte e movilidade sostibles.

A nova ponte pode favorecer o comercio local das rúas próximas

A REALIDADE:

Precisamente é ao revés: o tráfico non aumenta o comercio, senón que o dificulta. As principais rúas comerciales das cidades de todo o mundo son peonís e os modelos que favorecen a proliferación de peóns nos entornos próximos ás tendas son favorables ao comercio. A construción da ponte de ferro serviría únicamente coma arteria condutora de vehículos, sen espazo para parar, aparcar e achegarse os locais comerciais.

O Centro Comercia Urbán de Monforte veríase reforzado ao incentivar a peatonalidade da xente nas súas rúas.

Rúa Príncipe (Vigo)

Rúa Real (A Coruña)

Allariz