Para os que aínda non coñecedes o proxecto da ponte que se quere construír no Malecón, e para os que queredes saber máis sobre el, ímolo esmiuzar e analizar por partes.
Para poder facer unha análise da cronoloxía e das modificacións que sufriu o proxecto, precisaríamos contar con todos os antecedentes e coas contestacións dos organismos consultados. Pero, sinceramente, non as temos.
Por que non as temos? Porque, a pesar de telas solicitado ao Concello en varias ocasións, como xa saberedes, néganse a mostralas.
O proxecto sometido a información pública, do que nós dispoñemos, consta de 1.506 páxinas. Comecemos a analizalo e a desmontar a suposta xustificación do proxecto:
Comecemos visualizando a conexión na zona do Malecón:
Neste plano vense claramente as zonas de ramplas, tal e como se indica na lenda.
Polo tanto, SI, haberá ramplas… e cabe preguntarse: como serán esas ramplas? Imos velo nos planos.
Esta segunda imaxe mostra a perspectiva que veriades se estivesedes na Ponte Vella mirando cara ao Malecón e á nova ponte.
A ponte quedaría elevada ao chegar ao Paseo do Malecón...
Como se soluciona este desnivel para un vehículo? Cunha RAMPLA.
E de canto sería esa rampla? Pois os números son moi claros: o chan está a unha altura de 288,40 e a altura do firme da ponte estará a 291,70. Polo tanto, para subir en coche desde o Paseo do Malecón e cruzar a ponte haberá que salvar un desnivel de 3,3 metros.
Agora que sabemos que hai rampla, vexamos esta rampla de fronte, como se baixásedes camiñando desde o Centro de Saúde e fosedes pola rúa cara ao Malecón.
Como vedes, e os números non fallan, para subir 3,3 metros cunha pendente do 6% precísase unha rampla de 55 metros.
Nunha rúa dun só sentido, se hai rampla de subida, tamén hai rampla de baixada nas mesmas condicións.
Polo tanto: 55 metros dun lado + 55 metros do outro + os 14 metros de ancho da ponte = 124 metros de ramplas.
Imaxinade agora o número de aparcadoiros que desaparecerían.
Calculando unha lonxitude de 5 metros por praza, estaríamos falando de aproximadamente 25 prazas.
Confirmado que haberá ramplas, imos ver agora o acceso a elas.
Para entendelo mellor, e sabendo que ás veces os planos son difíciles de visualizar en tres dimensións, desde a PLATAFORMA SALVEMOS O MALECÓN elaboramos as seguintes infografías.
OLLO! Non fixemos máis que trasladar os datos do proxecto do Concello a programas informáticos profesionais e especializados.
E volvendo ver a rampla de fronte, como se baixásedes camiñando desde o Centro de Saúde, atopariamos o seguinte:
Nestas imaxes vese claramente que a suposta mellora na conectividade HOSPITAL–CENTRO DE SAÚDE é FALSA. Por que?
Cal é a única dirección que poderá tomar esa furgoneta se vén da ponte?
Efectivamente: cara á Praza Doutor Goyanes; ben cara á Rúa Hortas —levando máis tráfico e creando un embude— ou cara á Rúa Doutor Casares (A Peña).
En calquera dos casos, a eses puntos xa se pode chegar hoxe polo propio Paseo do Malecón, sen necesidade de pasar pola Ponte Vella.
DE ONDE VIRÍA O TRÁFICO?
Virá da zona do Hospital/Corredoria, que a día de hoxe xa está máis que conectada pola Ronda María Casares Baamonde (Circunvalación), e que ten acceso aos mesmos puntos, tanto para ir á zona do Malecón como á Rúa Hortas.
Pero volvamos aos planos para tentar explicalo mellor.
Esta é a planta do proxecto con todas as medidas: comeza con 14 metros de ancho no Malecón (dereita da ponte) e remata con 8 metros na Rúa Santa Clara (esquerda da ponte).
Como serán eses radios de xiro? Como se fará ese cruce?
Como será a conexión coa Rúa Corredoira se a súa parte máis estreita ten 4,88 metros segundo o Catastro?
COMO IRÍAN AS AMBULANCIAS DESDE O CENTRO DE SAÚDE AO HOSPITAL?
Para realizar o traslado de pacientes desde a porta do Centro de Saúde da Rúa Doutor Casares (A Peña) ata o hospital, as ambulancias terían que ir ata o inicio do Paseo do Malecón, á altura do Hogar San José. E, tal e como ocorre na actualidade, desde ese punto xa existe unha conexión pola Ronda María Casares Baamonde (Circunvalación) ata o hospital.
Unha conexión sen ramplas, sen xiros complicados nin estreitamentos de vía.
Como se pode ver, NON existe unha nova conexión efectiva.
Segundo temos escoitado ao alcalde, “non se cortará ningunha árbore”.
Porén, os propios planos do proxecto din todo o contrario.
Tamén temos escoitado que “a nova ponte non vai afectar para nada á zona verde”. E como unha imaxe vale máis ca mil palabras, imos comprobalo aquí.
No propio plano contémplase que SI vai afectar, xa que os 2,6 metros que mide a actual pasarela non teñen nada que ver cos 14 metros que terá a nova ponte. E si, cortaranse árbores… vaia se se cortarán!
Pero fixémonos agora na zona de Santa Clara.
Efectivamente, todas esas árbores serán cortadas e, o que é peor, non serán repostas. En ningún apartado do proxecto se contempla a posibilidade de replantación.
Pero aínda hai máis: para suxeitar tanto a ponte como as ramplas haberá que colocar piares e zapatas sostidas por micropilotes de entre 12 e 17 metros de profundidade, estragando irreparablemente as raíces das árbores e condenándoas a unha morte segura. Porque non, as zapatas da actual pasarela non poderían soportar por si soas o peso dunha ponte tres veces maior.